Actualidade

Como traballar as emocións na aula a través da lectura

Aprender a identificar e procesar as emocións é unha habilidade que nos axuda a ter unha mente saudable, sentirnos mellor co noso arredor, mellorar as relacións con outras persoas e a comunicar de xeito efectivo.

É importante, xa que logo, que aprendamos esa xestión desde pequenos e traballar as emocións na aula vainos axudar a favorecer un medio libre de acoso escolar, con alumnos e alumnas que saben expresarnos as súas necesidades e que se senten cómodos facéndoo.

En primeiro lugar, á hora de usar a lectura como ferramenta para traballar as emocións na aula debemos aprender a identificar esas emocións. É importante que nenos e nenas teñan un «dicionario». Pódese elaborar con fichas, no caderno ou con tarxetas debuxadas onde lle poñamos nome e fagamos unha descrición de cada emoción. Pódese comezar polas máis básicas (ledicia, tristura, rabia…) e ir ampliando e clasificando. É importante que describan coas súas palabras cada emoción, que axudemos a explicalas para despois saber identificalas.

Aprender a usar esa ferramenta é a clave e por iso farémolo a través da lectura. É importante que seleccionemos un libro que nos permita identificar emocións. No noso catálogo atoparás unha selección de lecturas sobre as emocións que che axudarán a levar este exercicio á práctica. Podemos deternos nalgúns capítulos e animar a que identifiquen as emocións que está tendo o personaxe.

Finalmente, é recomendable dispoñer dun recuncho para a paz. Aínda que sexamos capaces de identificar as emocións, non sempre sabemos xestionalas e precisamos espazo. Este lugar pode ser a biblioteca da aula, a onde nenos e nenas poden acudir cando se vexan desbordados.

O recuncho para a paz tamén pode ser o punto para a resolución de conflitos na aula. As situacións de acoso moitas veces danse sen que as percibamos, por iso te animamos a que busques ferramentas que che axuden a erradicalo. Encontrarás algunhas na zona docentes, baixo o lema Monstros? Só nos contos!.