Naceu en Lugo, e é tradutora e intérprete de profesión. Como escritora, o primeiro libro que publicou foi o poemario Moda Galega (2002). No 2013, regresou á poesía coa publicación de tres obras; unha delas, Presente continuo, foi traducida ao támil, pola poeta Thamizachi Tangapadian, co título Kallin Kadungkopam. No ano 2017, outórganlle o Premio Johán Carballeira de Poesía. Como narradora, no 2003, recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo. No 2005, quedou finalista do Premio Xerais c’O club da calceta; obra que foi galardoada co Premio San Clemente, traducida ao italiano e ao castelán, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. A partir de aí, publicou as novelas Pirata e En vías de extinción (2012), traducidas ao italiano e ao castelán. No ano 2014, gañou o XIV Premio de Novela por Entregas do xornal La Voz de Galicia.
Tamén publicou numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil; de feito, no ano 2005, quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil e, no 2010, gañou o Premio Frei Martín Sarmiento.
A súa obra Corpos exorbitantes (2017) resultou merecedora do Premio Xohana Torres de Ensaio.
Posúe unha longa carreira como tradutora literaria, sobre todo, de literatura infantil. No 2009, recibiu o Premio Plácido Castro de Tradución pola súa versión d’A historia de Mary Prince.
No ano 2015, a AGE concédelle o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao Autor/a do Ano e, no 2017, coa obra Fóra do normal, outórganlle o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.