Actualidade
13-01-2025
Deica logo, Nadal!
Hoxe festéxase o San Knut en Suecia e en Finlandia. Para eles, para honrar o Rei Knut que foi asasinado o 7 de xaneiro, o Nadal remata o 13 de xaneiro cun festexo que ten como protagonista a árbore de Nadal.
Por aquí o Nadal pon punto e final na mañá de Reis, pero moitos fogares van adiando a tarefa de recoller os adornos ata case febreiro e non é infrecuente atopar nas ventás e xardíns a iluminación xa logo ás portas do Entroido.
Para facer diso un momento en familia e divertido, nos países nórdicos celebran San Knut cunha actividade que se chama «Julgransplundring», que podemos traducir como «saqueo da árbore de Nadal». Alí as árbores decóranse tamén con crackers que conteñen galletas e doces, de tal maneira que á hora de recoller as decoracións, cativos e cativas poden saquear a árbore e conseguir un bo botín de larpeiradas ao tempo que axudan. É un momento de celebración onde se canta arredor da árbore, se recollen os adornos e finalmente se lanza a árbore pola fiestra. Se vives nun sexto piso, por favor, aconséllase evitar isto último.
Aquí nós non temos o San Knut pero si podemos facer que a recollida dos adornos da casa sexa tamén un día especial para a familia. Pódense colgar bastóns de caramelo e outras lambonadas na árbore o día antes ou cociñar galletas ou doces seguindo algunha receita de Nadal que sorprenda a familia.
Iso si, hai que gardar os adornos e as luces con moito tino para poder volver usalos o ano seguinte e non esquecer que o importante é pasar un bo momento cos teus.