Actualidade
04-10-2018
Que sabes de...? María Reimóndez
Nacín en Lugo, máis en concreto na liña que divide o barrio da Milagrosa do de Albeiros, aínda que na miña biografía son tamén moi importantes Os Ancares, de onde provén toda a miña familia paterna.
De pequena, a miña avoa e avó da montaña chamábanme “pequena Rosalía”. Daquelas dábame rabia, porque pensaba que me comparaban cunha señora aburrida e triste, que era o que me ensinaran na escola. Demorei algún tempo en descubrir que Rosalía de Castro foi unha pioneira valente e rompedora.
Unha das cousas que máis me gustaba facer de nena era andar entre os troncos da serra que tiñamos a carón da casa e ir na furgoneta do meu avó de Lugo, que era mecánico.
Na infancia tiven unha profesión un tanto peculiar… a ventriloquia. Encantábame facer as bonecas falar. Agora son intérprete de conferencias, a cousa non está tan lonxe como parece!
Encántanme os cans, pero non podo ter un porque ando sempre de viaxe, pero son feliz pasando tempo coa cadeliña da miña mai, a Chisca.
De pequena comía moi mal, pero como nunca me daban comida diferente aprendín finalmente a comer de todo e agora ando polo mundo e todo me sabe, dende a comida etíope ata a de Támil Nadu.
Son moi miope e de pequena tiña o hábito de durmir coas lentes postas “para ver ben nos soños”.
A lectura sempre foi o meu espazo de maior diversión, nada me gusta máis que abrir un novo libro.
Teño o corazón repartido en moitos sitios, alá onde chego fago o meu fogar. Teño morriña de moitos lugares e familias en distintos continentes, o cal é o maior tesouro que nunca podería soñar.
Libros recomendados
Escritores relacionados