Actualidade
16-02-2021
Vinde nenas, vinde nenos… é martes de Entroido!
O Entroido é a última festa que imos celebrar na casa por vez primeira; as que veñen logo del xa as tivemos que vivir fóra das rúas o pasado ano. Por iso non queremos caras tristes, agora sabemos que, aínda que de xeito moi diferente, podemos divertirnos nestas datas coa esperanza de que en 2022 recuperaremos todas as tradicións que converten estes días en momentos únicos.
Cigarróns, peliqueiros, pantallas, boteiros, mázcaras, felos, xenerais… todas e todos eles, grazas á memoria e ao poder da imaxinación, compartirán con nós unha deliciosa sobremesa con sabor a Entroido. Filloas, orellas e bica non han faltar; e, coma sempre, ben adozadas con risos, coplas, ditos e refráns.
Adeus, martes de Entroido,
adeus, meu amiguiño,
ata o domingo de Pascua
non hei comer máis touciño.