Actualidade

Seis lecturas para a volta ao cole

Chega ese momento do ano no que deixamos atrás os días de sol, as interminables horas de xogo e de ficar na cama ata tarde, para retomar a rutina, as novidades do curso e o reencontro coas nosas amizades. Todo resulta excitante a primeira semana pero, co paso dos días, a mochila pesa máis e máis. Hoxe queremos recomendarvos seis títulos que falan do divertido que pode ser ir ao cole, das aventuras que nel imos vivir e de toda a aprendizaxe que levaremos á casa para compartir cos nosos.

Se hai alguén que nos pode falar desa aprendizaxe é a adolescente de orixe etiópica protagonista de Hilario e os tres medos. Abeba logra aprender a ser dona do seu destino e a facerlles fronte ás adversidades.

Imos medrando e descubrimos que a escola non se limita só á nosa aula, que hai moito máis agochado entre as súas paredes. Esa revelación témola cando abrimos a porta dese lugar máxico que é a biblioteca. Observamos os andeis e a nosa ollada queda cativada por un título: O que nunca che contaron. Pode haber algo que esperte máis interese ca un posible descubrimento? Haino, que sexan moitos e iso é o que sucede cando lemos este libro.

A piques de saír, reparamos na cuberta de Bruxa e familia. Levados pola curiosidade de quen pode formar parte da familia dunha bruxa, decidimos levalo con nós.

Se hai un experto nisto do cole é Nicolasiño. Este rapaz é único para converter o recreo, as amizades e os problemas nunha aventura disparatada. N’O Nicolasiño seremos testemuñas das moitas leas que pode chegar a armar este cativo.

Nestes mundos da infancia tamén vive Oria, unha meniña que non é consciente dos danos que os seus actos lle poden causar á natureza. O seu desexo é atrapar unha Nube de neve para dispoñer das súas folerpas ao seu antollo.

Gústanos volver ás aulas, gústanos vivir aventuras e gústanos ler, coma a Matilda, que representa a sensibilidade e a fantasía que, con todas estas lecturas, desexamos contaxiarvos.