Actualidade
18-01-2022
Propósitos de ano novo II: vou comer de xeito máis saudable
É, xunto con deixar de fumar e ir ao ximnasio, un dos obxectivos que máis presentes temos cando dan as doce badaladas. Pero non xusto despois desa noite, non, tampouco da de Reis, que nesas hai moita fartura aínda á mesa!
Entre os múltiples propósitos que o ano novo trae consigo, un dos máis populares é o de comer mellor. Este «comer mellor» non significa o mesmo para todas e todos: para algunhas persoas é deixar de visitar a máquina de vending cando lle entra a gula; para outras, acabar coas excursións nocturnas á neveira; tamén haberá quen planee meterse entre os fogóns e non recorrer tanto aos precociñados, e quen se prometa deixar de lado os ultraprocesados e introducir máis froita e verdura nos seus pratos diarios.
Sempre foi e será un «teño que» pero agora máis que nunca, porque o Obxectivo para o Desenvolvemento n.º 3 lémbranos que hai que coidar da nosa saúde e favorecer o noso benestar. Por iso, desde a campaña Ecolectores recomendámosvos introducir unha dieta máis saudable no día a día: froitas, verduras, proteínas, graxas e hidratos de calidade e auga!