Actualidade
17-05-2024
Mil primaveras máis!
Este ano a Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas a Luísa Villalta Gómez pola súa contribución á cultura de Galicia e á lingua galega.
Luísa Villalta exerceu como profesora de Lingua e Literatura Galega nos institutos coruñeses Xosé Neira Vilas, de Perillo-Oleiros, Canido-Ferrol e Isaac Díaz Pardo, de Sada e tamén desenvolveu unha intensa actividade cultural, posto que foi autora de obras de teatro, narrativa, ensaio... e poesía, faceta pola que é máis coñecida.
Á parte disto, a súa vida estivo moi vinculada á música, obtivo o Título Superior de Violín polo Conservatorio da Coruña e formou parte de Escaino, un grupo de folk instrumental. Tamén foi compoñente da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia, formacións que deixou para dedicarse á docencia.
Tristemente, a súa vida truncouse moi axiña, pois faleceu con só 46 anos.
Que a autora formara parte do corpo docente fai que nos centros de ensino se acollera a efeméride con moito entusiasmo e nas aulas xa se poden ver traballos que afondan na súa traxectoria, pero tamén reinterpretacións dalgunhas das súas pezas, pequenas homenaxes plásticas e outras moitas ideas promovidas polas bibliotecas escolares, os equipos didácticos dos colexios e institutos, profes de música, de literatura... e todo iso redunda na idea coa que nace esta xornada reivindicativa das letras galegas e dos autores e autoras que traballaron incansablemente para garantir un futuro.
E que ledicia que así sexa. Que haxa futuro.