Actualidade

Ingredientes para unha novela romántica

Non só as receitas culinarias necesitan dos elementos exactos en cantidades precisas. Unha boa novela romántica xuvenil ten a súa propia receita e en Oqueleo quixemos detallar algúns dos ingredientes:

  • Para que haxa romanticismo ten haber Amor, con maiúscula. Ese frechazo, esa atracción ou aquel pálpito é o eixe a partir do cal se desenvolven os acontecementos.

  • Non poden faltar uns personaxes con características que te cativen: unha cicatriz, unha risa peculiar, esa manía de ordenar as cousas ou unha afección rara. Os trazos singulares hoxe en día son un plus.

  • Ten que existir o amor, si, pero se é adornado con intriga, traición, emocións, conxuros, drama… mel nas filloas.

  • Marcada subxectividade e presenza do eu. Outórgaselle protagonismo ao mundo interior dos personaxes, aos seus sentimentos, estados de ánimo e arrebatos de paixón. Con eles imos aprender a recoñecer as nosas propias emocións e afondar en nós mesmos.

  • Debe ser unha historia que conmova, que enganche, cun ritmo imparable, que o noso corazón latexe tan forte que non nos deixe oír os diálogos da novela, un libro que derreta os xeados e que esquezas durante un anaco que hai vida máis alá do teu recuncho de lectura.

  • A historia debe estar ben ambientada e isto non só debe suceder nas novelas de época. A ciencia ficción e fantasía debe ser crible. Os paraísos vacacionais débennos ulir a praia e un paseo polo bosque contaxiaranos desa sensación de paz.

E agora que xa sabes os ingredientes, ¿atréveste a cociñar unha ou prefires ser comensal e degustar? Se o teu é a última opción, no noso catálogo podes atopar algunhas propostas, filtra a túa busca por idade e polos criterios que che cadren co que buscas.