Actualidade

Febreiro, un mes diferente…

Febreiro a piques está de se despedir, pero, antes de lle dicir adeus, imos descubrir algunhas curiosidades sobre el e lembrar as celebracións máis importantes.

  • Procede do latín februo, que quere dicir limpar. Disque, para os romanos, este era o mes en que limpaban a súa alma, o mes da purificación.
  • Este ano, 2020, é bisesto; é dicir, ten 366 días no canto de 365. Este fenómeno dáse cada catro anos.
  • Todos os meses teñen, polo menos, unha noite de lúa chea, pero poden pasar varios anos sen que febreiro goce desta fase da lúa.
  • As posibilidades de nacer un 29 de febreiro son 1 entre 1641.
  • Shakespeare, ademais de ser un excelente dramaturgo, era tamén un xenio para a invención de insultos e o mes de febreiro parecíalle excelente para este tipo de creacións. Entre os insultos shakesperianos está «tes cara de febreiro, chea de orballo, tormentas e brétemas».
  • O 2 de febreiro celébrase o Día da Candeloria, data na que casan os paxariños e preludio da primavera. Non esquezamos o refrán «a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa», que alude ao regreso das aves migratorias.
  • Tamén se celebra o Entroido, tempo de divertimento e desenfreo antes da chegada da Coresma, que remata o Mércores de Cinza.
  • O 24 de febreiro é o Día de Rosalía; nesta xornada festexamos o nacemento, en 1837, de Rosalía de Castro, quen, ademais de precursora do Rexurdimento e do feminismo, é unha figura clave da historia de noso.