Actualidade

ELAS son científicas

#NonMáisMatildas

Hoxe celebramos o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia e facémolo cun simbólico tirón de orellas.

Foron moitas as mulleres que ao longo da historia tiveron un papel relevante na ciencia, pero poucas son recordadas por isto. É o que se coñece como Efecto Matilda en honor a Matilda Joslyn Gage, a primeira activista que o denunciou.

A campaña #NoMoreMatildas xorde para tratar de recuperar a todas elas (os seus traballos, as súas achegas, os seus descubrimentos…). E tamén para axudar as nenas a que no futuro poidan formar parte da historia da ciencia, porque o coñecemento non depende de se somos homes ou mulleres.

Hoxe imos falar dalgunhas destas mulleres esquecidas ou apenas mencionadas nos libros de historia. Cinco mulleres cuxa achega á ciencia supuxo un gran cambio para a humanidade.

  • Rosalind Franklin: Foi Einstein quen a motivou, grazas a unha das súas conferencias, a poñer a súa vida ao servizo da ciencia. Os seus coñecementos sobre a cristalografía de raios X permitíronlle facer a famosa “Fotografía 51” con que deu a coñecer a estrutura de dobre hélice que, actualmente, todas e todos recoñecemos como a forma do ADN.
  • Inge Lehmann: En contra das teorías de Jules Verne, esta sismóloga danesa descubriu que, en realidade, o centro da Terra é un núcleo duro, rodeado dunha capa externa líquida.
  • Marthe Louise Vogt: Filla e irmá de dúas científicas de sona, Marthe centrou a súa carreira de neurocientífica no estudo dos neurotransmisores, como a epinefrina e mais a serotonina. O seu traballo contribuíu a desenvolver os actuais medicamentos para a depresión e outras enfermidades mentais.
  • Meave Leaky: Esta prestixiosa paleontóloga, nacionalizada en Kenya, segue a día de hoxe estudando os nosos antepasados. Os seus achados preto do lago Turkana contribuíron a coñecer mellor as fases da evolución humana; probou que a postura ergueita e o andar bípede xurdiron máis atrás no tempo do que criamos.
  • Caroline Herschel: O seu irmán, de quen foi axudanta toda a súa vida, descubriu o planeta Urano. Pero os méritos de Caroline non foron menos notables. Foi a primeira muller en descubrir un cometa (ademais de tres nebulosas), a primeira muller a quen lle publicou un traballo a Royal Society e a primeira muller británica que recibiu un salario por realizar un traballo científico aínda que este fose a cuarta parte do que cobraba o seu irmán.

Únete á campaña #NonMáisMatildas
e acabemos xa coas desigualdades!