Actualidade
05-10-2022
Día Mundial dos e das docentes
O 5 de outubro é a data que a Unesco e a Organización Internacional do Traballo decidiron para render homenaxe a unha das profesións máis valiosas dentro de calquera sociedade: o ensino.
Os e as docentes son as persoas que se encargan de formar as futuras xeracións e, con esa inestimable paixón que poñen no seu desempeño, garanten o desenvolvemento da sociedade.
Pero o que soa como un reto é en moitísimas ocasións un labor titánico porque a política, as institucións, a sociedade... non contribúen do xeito que se agarda. A ratio, a lexislación, os apoios, as horas lectivas, a comunidade e as familias... seguro que todo isto lles soa a todos e a todas. O gremio docente, en moitas ocasións, está infravalorado e infradotado para exercer a profesión dun xeito óptimo.
Fagamos que isto cambie, mostremos que somos conscientes dese gran que poñen na sociedade e deixemos que exerzan o seu traballo sen minusvaloralo e colaborando como parte da comunidade, pois están contribuíndo activamente a formar a sociedade do futuro.
Outro ano máis, moitas grazas!