Actualidade
23-04-2019
Que sabes do… Día do Libro?
- Tamén hai un día para o libro? Por que existen tantos «días internacionais»? Pois porque serven para sensibilizar, concienciar, chamar a atención sobre un problema sen resolver ou sobre un asunto importante que require a intervención dos diferentes organismos gobernamentais.
- O Día Internacional do Libro é unha conmemoración celebrada en todo o mundo co fin de fomentar a lectura, a industria editorial e a protección da propiedade intelectual a través dos dereitos de autor.
- O 23 de abril é un día simbólico para a literatura universal, xa que este día, en 1616, faleceron Cervantes e Shakespeare.
- Cada ano, elíxese unha capital mundial do libro cuxo mandato comeza o 23 de abril. Este ano é Kuala Lumpur (Malaisia).
- A celebración enraizou rapidamente en toda España; en especial, nas cidades con sede universitaria.
- En Cataluña, coincide co patrón, Sant Jordi (San Xurxo), e por iso tamén serve para reivindicar a cultura catalá. A lenda de Sant Jordi conta que na vila de Montblanc (Tarragona) había un dragón terrible que causaba estragos por onde pasaba. Para calmalo, decidiron darlle cada día un dos seus habitantes, escollido por sorteo, para que o devorara. A filla do rei tamén chegaría a morrer se o cabaleiro Jordi non aparecera para se enfrontar ao dragón e acabar con el. A tradición engade que do sangue derramado da besta naceu unha roseira de flores vermellas.
- En toda Cataluña o día de Sant Jordi coincide co Día dos Namorados, que expresan o seu amor, de xeito especial e simbólico, co agasallo dunha rosa e un libro.
- Na localidade de Alcalá de Henares celébrase a entrega anual do Premio Cervantes, o galardón máis importante que se lles pode outorgar ás escritoras e aos escritores de lingua hispana.
- Emulando o seu «irmán máis vello», o Premio Cervantes Chico ten como obxectivo principal recoñecer publicamente a obra e os méritos literarios dunha escritora ou dun escritor de literatura infantil e xuvenil en lingua castelá, así como promover os hábitos de lectura, e estimular os valores humanos e actitudes positivas de colaboración, esforzo e respecto. A escritora Mónica Rodríguez recibiu este prestixioso galardón na edición do ano pasado.
- Países como Reino Unido ou Irlanda celebran cada ano o World Book Day (Día Mundial do Libro) o primeiro xoves de marzo; en Uruguai, o 26 de maio, data na que se creou a primeira biblioteca pública nacional; e en Paraguai, o 25 de xuño.
- Como acabas de comprobar, a celebración deste día esténdese por todo o mundo. Seguro que onde ti vives tamén teñen algo preparado para festexalo. Participa e goza desta festa do libro que é tamén a túa festa!