Actualidade
17-05-2020
Día das Letras Galegas
Chegou o 17 de maio e con el un ano máis na vida das nosas letras. Poida que sexamos soñador@s en exceso, pero sentimos que, malia a difícil situación que está a pasar o noso sector, a literatura de noso goza dun bo estado de saúde grazas ao labor realizado pola xente do libro e da lectura nestes tempos do coronavirus. O noso confinamento supuxo que a literatura galega saíse aos camiños virtuais con máis forza que nunca ata chegar a lector@s que a descoñecían. Estamos convencid@s de que esta descuberta se converterá nunha relación que irá afianzándose co paso do tempo, porque coñecela é o primeiro paso para amala.
Non é posible celebrar este día grande da nosa literatura enchendo rúas e librarías, pero nada nos impedirá que o fagamos no espazo virtual e… familiar, porque ela, coma a familia, tamén é o noso refuxio e parte esencial da nosa identidade.
Convidámosvos a festexar as nosas letras durante moitos días máis; deste xeito, aos poucos, poderemos darlles vida ás rúas e ás nosas librarías.
Saúde e letras!