Actualidade
23-12-2021
Coñecendo mellor os nosos autores e autoras. Xoán Babarro
Que sería de nós, lectores e lectoras sen esas persoas que saben, coma ninguén, plasmar con palabras historias, versos, personaxes, accións, lugares...?
Son moitos os escritores que se dedican a escribir para que pais, nais, avós, mestres, bibliotecarios, contistas... poidan contarlles a nenos e nenas mentres non saben ler e para que, cando aprendan, gocen da lectura por si mesmos con fermosas historias que lles abren novos mundos. Queremos darlles as grazas a todos eles e elas e tamén achegármonos un pouco máis á súa persoa, porque a literatura infantil e xuvenil é determinante para as vidas de rapaces e rapazas e porque é un marabilloso mundo de posibilidades do que saben quitar partido coma ninguén.
Hoxe coñeceremos un pouco máis a Xoán Babarro, quen traballou arreo pola introdución do galego na escola e mais pola recuperación e defensa da lingua galega en Asturias, onde desenvolveu o labor docente ata 1971, data na que se trasladou a Galicia.
O 23 de decembro é o seu aniversario e por esa razón traemos aquí o que nos contou a través dunha entrevista na que quixemos afondar na súa relación coa LIX como lector e como escritor e os recordos da súa propia infancia e mocidade. Xoán ten moita LIX publicada e en Oqueleo alegrámonos de contar no catálogo coas novelas Os horizontes de Adar e Hilario e os tres medos, dúas historias escritas con gran sensiblidade e intelixencia e que, como un dos propios títulos indica, abren horizontes aos nosos rapaces e rapazas. Moitas grazas por permitirnos coñecerte un pouco mellor, Xoán e moitos parabéns no teu día!
-Xoán, cóntanos algo sobre o lugar onde te criaches e cal é o recordo da infancia que gardas con máis cariño.
Crieime en Calvelo, un lugar da parroquia de Zorelle, no concello ourensán de Maceda. Dos tempos da infancia, como non podía ser doutro xeito, gardo innumerables recordos entrañables. Precisamente, o cariño familiar vai estreitamente unido a moitas daquelas vivencias. Por exemplo, lembro a sensación de cando me traían rosquillas ou me obsequiaban cunha castaña asada xa esbillotada. Entón era unha vida nun medio rural aínda rexida polos ciclos da natureza, que marcaban os xogos e as ilusións dos nenos e das nenas. Acórdome de cantar os “reises”, da billarda, da pita cega, de andar nun carro de catro rodas, de improvisar bambáns, de encontrar níos, de apañar amoras, de facer magostos, de reinar cunha espiga de millo, de contar os dedos con porquiñas rubias, de xogar ás adiviñas e tantas cousas máis!
-Cando eras pequeno, ¿a que pensabas que te ías dedicar ou "que querías ser"?
Non son consciente de que, de pequeniño, tivera unha idea moi clara do que ía ser de maior. Como estaba entre agricultores, imaxino que daría por suposto que ía ser coma todos. Ou, se callar, alternar ese traballo co de carpinteiro, como facía o meu pai. Cando deixei a escola primaria e me puxeron os meus pais a facer o bacharelato, entón xa souben que non ía ser ningunha daquelas dúas cousas.
-Tes algunha manía/teima/costume que sempre teñas presente cando escribes ou cando les?
Penso que non teño ningunha demasiado notoria. En tal caso que, para escribir, gústame facelo co ordenador coa pantalla en branco; mellor que con lapis ou bolígrafo.
-Cal é o sentimento que che produce saber que os teus textos son tan lidos pola rapazada? Ou cando fas charlas/presentacións ou intercambios cos pequenos/as lectores?
É unha sensación agradable, claro; porque, dalgún xeito, sentes que ten utilidade o teu traballo. Pero, a pesar desa particular satisfacción, sempre me parece que os libros posúen a súa autonomía e unha vida independente do autor. Cando vexo, por exemplo, os meus contos en chinés ou en coreano, resúltame difícil imaxinar que fun eu quen escribiu eses textos que me están relacionando con nenos e con nenas de tan lonxe.
-Onde adoitas atopar inspiración para as túas historias, para crear os personaxes, para ambientar as peripecias...?
Os medios audiovisuais de hoxe en día ábrennos innumerables fiestras, tanto para crear personaxes coma para ambientar as súas aventuras. Calquera paisaxe, sensación, relación humana etc. pode ser fonte de inspiración. De calquera maneira, seguen contando moito os lugares e aquelas primeiras impresións da infancia. O feito de ser autor de literatura infantil pode que leve aparellada, polo menos en certos momentos, a lembranza da propia nenez.
-Se agora mesmo che concedesen un desexo para a humanidade, ¿cal pedirías?
Aínda sabendo que resulta utópico, pediría sabedoría universal para lograr que os humanos nos respectásemos mutuamente e soubésemos vivir en equilibrio coa Natureza.
-Que lecturas foron fundamentais para ti e que cres que deberían pasar polas mans de todas as xeracións?
Nos meus tempos de neno, tiveron moita repercusión na miña formación literaria todas as pezas da literatura oral tradicional, tanto as narrativas coma as versificadas. Xa de maior, imaxino que houbo moitas obras que deixaron en min unha pegada; incluso, sen que eu sexa consciente de tal influencia.
A pesar de estarmos nunha época con infinidade de opcións formativas e de lectura, coido que os nenos e as nenas deberían ser tamén sabedores dese folclore que nos une coas xeracións anteriores. Ao mesmo tempo, xa pensando en Galicia, ademais de autores actuais, deberían coñecerse algúns dos clásicos que puxeron en valor o noso idioma. Por exemplo, Cantares gallegos de Rosalía de Castro e Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro deberían lerse e comentarse en todas as escolas.
Libros recomendados
Escritores relacionados