Actualidade
09-10-2021
Coñecendo mellor os nosos autores e autoras. Xavier Estévez
Hoxe convidámosvos a coñecer mellor a Xavier Estévez, un dos autores de literatura infantil e xuvenil que máis gustan e que estivo recentemente de aniversario.
Ten publicadas dúas novelas en Oqueleo: Kibuko e Aqueles momentos que perdemos, pero a súa produción é extensísima. Xavier tivo desde cativo unha fonda querenza tanto pola lectura coma pola escrita e xa os seus primeiros contos escribiunos cando era un cativo e incluso chegaron a ver a luz nun xornal sendo el aínda adolescente.
Xavier respondeunos algunhas das preguntas que lle fixemos para coñecer esa pegada do vivido nas súas obras, a súa fonte de inspiración, os seus sentimentos á hora de atoparse co público e algunha cousiña máis. Moitas grazas pola túa amabilidade e desexámosche unha longa vida como escritor de LIX e moitos éxitos!
-Xavier, cóntanos algo de onde te criaches e cal é o recordo da infancia que gardas con máis cariño.
Nacín en Bruxelas, que é a cidade onde pasei os primeiros anos da miña infancia. Alí comecei a ir á escola e tamén foi alí onde tiven o meu primeiro contacto cos libros. A carón do meu cole había unha pequena biblioteca onde me levaba o meu irmán. Liamos cómics no xardín que tiña, e lembro aquilo como unha experiencia marabillosa. Máis tarde, a miña familia trasladouse a Vigo e a miña paixón polos libros continuou. Sempre fun un lector voraz.
-Cando eras aínda un rapaz, ¿a que pensabas que te ías dedicar ou "que querías ser"?
Cando un habita neses fantástico mundo da infancia realmente non sabe o que quere ser. Vaia, polo menos eu non o sabía. Había moitas profesións que me semellaban perfectas: aviador, aventureiro, pirata, piloto espacial… e tamén escritor. Non sabía que me traería o futuro, pero si tiña claro que eu seguiría visitando o meu mundo literario. Como vivir sen ler? Foi aos nove anos cando escribín a miña primeira historia (moita nave espacial polo medio). Dende ese momento souben que pasase o que pasase eu escribiría. Non por publicar, senón porque imaxinaba poucas cousas mellores que aquela.
-Tes algunha manía/teima/costume que sempre teñas presente cando escribes ou cando les?
Non son moi maniático. Gústame ler estomballado no sofá, pero tamén nunha cafetería, ou no bus; gústame ler nun día de praia ou mesmo nun partido de fútbol xogando de porteiro (sempre que o outro equipo non sexa bo). O importante é atopar un libro que “enganche”. E teño a sorte de que é doado engancharme. Cando escribo, case sempre o fago igual. Nunha cafetería, nun pequeno caderno e cun boli. Non son quen de escribir no ordenador. Pola idade, son moi analóxico. Papel e boli. Non se precisa máis.
-Cal é o sentimento que che produce saber que os teus textos son tan lidos pola rapazada? Ou cando fas charlas/presentacións ou intercambios cos pequenos/as lectores?
Escribir, para min, é un momento de ledicia. Soñar con outros mundos e poder pasalos á escrita é algo que me enche. Se ademais, do outro lado dese fío máxico que son os libros hai lectores, a ledicia multiplícase. Encántame que os rapaces e rapazas lean os meus libros. Para eles escribo. Nos encontros en coles tamén gozo moito. Poder compartir historias con eles é outra faceta dos escritores que seguro que a todos os que nos dedicamos a isto nos gusta. É poñerlle cara aos lectores, saber que a túa historia vivirá nos seus corazóns durante moito tempo. Iso é a felicidade.
-Onde adoitas atopar inspiración para as túas historias, para crear os personaxes, para ambientar as peripecias...?
Sempre hai moitas historias dando voltas a miña cabeza. De onde veñen? Realmente non o sei. Da miña propia vida, das miñas vivencias, da tolemia que temos os que escribimos… non o sei. O certo é que son incapaz de deixar de soñar esperto. Nese país de soños é onde viven os meus personaxes, e como son amigos, só teño que pedirlles que me conten a súa historia. Eu son o intermediario. Aquel que escribe o que moumean no meu oído.
-Se agora mesmo che concedesen un desexo para a humanidade, ¿cal pedirías?
Que todo o mundo deixase de discutir se poñer piña á pizza ou non. Claramente si. Hai que aceptalo. E tamén poder levar a educación a todos aqueles nenos e nenas aos que lles resulta difícil (ou imposible) ir á escola. Nós, dende o noso mundo privilexiado, deberíamos axudar aos que teñen menos. Non? Ese é un bo desexo.
-Que lecturas foron fundamentais para ti e que cres que deberían pasar polas mans de todas as xeracións?
Resulta imposible elixir uns títulos. Hai moitos, moitísimos. Os que deben pasar ao futuro son aqueles que un non pode borrar da súa memoria. Son libros especiais, eses que pase o tempo que pase seguen vivindo no noso corazón. Pasan de pais a fillos, entre amigos, dun a outro co boca-orella. Son libros que se recomendan como quen recomenda unha boa canción ou unha boa película. Libros que nos fan soñar, que nos levan a outro lugar ou outra época, son libros que brillan con luz propia. Eses, eses non deberían morrer nunca. Sempre deberían atopar algún lector que lles dea mimos. E hai moitos libros así. So hai que buscar un pouco e un pode atopalos. E cando o fai, atopa un tesouro. Iso penso.