Actualidade

Coñecendo mellor os nosos autores e autoras. Oli

Que sería de lectores e lectoras sen escritores que saben, coma ninguén, plasmar con palabras historias, versos, personaxes, accións, lugares...?

Moitos son os autores que se dedican a escribir para que pais, nais, avós, mestres, bibliotecarios, contistas... poidan contarlles a nenos e nenas mentres non saben ler e para que, cando aprendan, gocen da lectura por si mesmos con fermosas historias que lles abren novos mundos.

Queremos darlles as grazas a todos eles e elas e tamén achegármonos un pouco máis á súa persoa, porque a literatura infantil e xuvenil é determinante para as vidas de rapaces e rapazas e porque é un marabilloso mundo de posibilidades do que saben quitar partido coma ninguén.

Hoxe coñeceremos un pouco máis a Xosé Manuel González Barreiro, Oli. Por ser hoxe o seu aniversario, traemos aquí o que nos contou a través dunha entrevista na que quixemos afondar na súa relación coa LIX como lector e como escritor e os recordos da súa propia mocidade.

Oli é mestre, tradutor e autor de literatura infantil e xuvenil, da que é especialista. Recentemente publicou en Oqueleo O elefante perdeu a memoria, unha fermosa metáfora que confiamos en que lles encantará aos nosos rapaces e rapazas máis pequenos e oxalá que vaian chegando moitas máis historias de Oli á LIX galega! Moitas grazas por permitirnos coñecerte un pouco mellor, Oli!

Oli, cóntanos algo do lugar onde te criaches e cal é o recordo da infancia que gardas con máis cariño.

Crieime no Forte, o barrio con máis personalidade de Cangas. Lembro con moito cariño o cabaliño de xoguete que eu afeitaba na barbería do meu avó e a miña vespa con pedais.

-Cando eras pequeno, ¿a que pensabas que te ías dedicar ou "que querías ser"?

Creo que nunca pensei no que sería de maior. Pero o de ser cantante era algo que me debía atraer porque percorría o barrio cun amigo e unha guitarra eléctrica de xoguete cantando no serán a Rianxeira.

-Tes algunha manía/teima/costume que sempre teñas presente cando escribes ou cando les?

Ningunha especialmente persistente. Porque escribir escoitando compulsivamente unha música non creo que sexa manía, é algo máis ben patolóxico.

-Cal é o sentimento que che produce saber que os teus textos son tan lidos pola rapazada? Ou cando fas charlas/presentacións ou intercambios cos pequenos/as lectores?

Éncheme de satisfacción, pero como iiso engorda procuro non darlle demasiada importancia de cara a fóra. Pero non acabo de afacerme a que me vexan como un ser extraordinario por ser escritor.

Sígome sorprendendo de que cada vez que vas a un encontro che pregunten cantos anos tes, así que artellei unha resposta enigmática: máis dos que quixera e menos dos que me gustaría.

-Onde adoitas atopar inspiración para as túas historias, para crear os personaxes, para ambientar as peripecias...?

Nas rúas, nos parques, nas aulas. Procuro ver e escoitar o que me arrodea. Os personaxes son unha mestura de todo iso coa miña imaxinación, coas miñas fantasías.

-Se agora mesmo che concedesen un desexo para a humanidade, ¿cal pedirías?

Xustiza e equidade. Miña avoa sempre dicía “Tanto tes, tanto vales” e eu negábame a crer que tivese que ser así.

-Que lecturas foron fundamentais para ti e que cres que deberían pasar polas mans de todas as xeracións?

Resúltame complicado escoller que libros son fundamentais. A miña lectura de infancia foron De grumete a almirante, Guillermo Brown e Os sete secretos. Na miña adolescencia Sénder e La tesis de Nancy fíxome rir e descubrir que os libros tamén valían para iso. Despois, a lectura de De catro a catro e o Manifesto Máis Alá foron un terremoto que cambiou a miña percepción da poesía. E os contos de Cortázar tamén me deixaron pegada.

Escritores relacionados