Actualidade

Blue Monday

Consellos para sobrevivir ao luns máis triste do ano

Segundo Cliff Arnall, e a súa fórmula que a poucos e poucas convence, hoxe é Blue Monday ou, para que o entendamos mellor, o día máis triste do ano. Poida que este non sexa o teu caso nin este cálculo pseudocientífico sexa atinado, pero é LUNS e mesmo Garfield estaría de acordo en que non é un bo día.

Por iso queremos mellorar este fatídico día con algúns pequenos consellos:

  1. Sorrí. Ben, xa sabemos que non estás para festas, mais fai o esforzo de lle sorrir, polo menos, a unha persoa e descubrirás que é unha enfermidade contaxiosa. 
  2. Come algo doce. Seguro que levas dúas semanas desintoxicándote das enchedelas do Nadal. Merca unha larpeirada, algo tan insignificante pode alegrarche o día.
  3. Escoita a túa canción favorita. Esa que che soa na cabeza os venres á tarde e que che fai mover o corpo.
  4. Xúntate coas amigas e amigos. Probablemente hoxe sexa un bo día para faceres esa chamada que levas semanas adiando.
  5. Le (este é o noso consello preferido). Independentemente do teu estado de ánimo, un bo libro sempre é a mellor medicina. Máis abaixo atoparás algunhas suxestións para esquecer este fatídico luns.

Se nada disto funciona e o teu humor segue a ser tan azul coma o ceo do inverno, lembra que mañá é o Día Internacional do Abrazo. O noso ímoscho dar por adiantado.