Xabier P. DoCampo
(Rábade, 1946 - A Coruña, 2018)
Nacín chairego, fillo de chairegos, o 5 de abril de 1946 en Rábade (Lugo). Aos meus sete meses trasladámonos a Castro de Ribeiras de Lea, de alí era miña nai –meu pai, de Xermar (Cospeito) –, onde fun por primeira vez á escola.
Pasando por riba da etapa máis interesante da miña vida, a infancia, no comezo da adolescencia a familia enteira trasladouse a vivir á Coruña onde estudei Bacharelato e Maxisterio, sen perder nunca o contacto coa Terra Chá, a onde regresabamos en calquera oportunidade por curta que fora a estancia.
Traballei como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa. Estiven sempre relacionado cos movementos de renovación pedagóxica.
Pertencín ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Dei cursos a profesores e lin relatorios en congresos sobre a didáctica da lingua e da literatura, sobre a lectura e a súa implantación escolar e social, sobre a narración oral, a súa estrutura, a súa influencia na literatura escrita e a súa utilización didáctica, tanto en Galicia coma fóra dela. Estas actividades de reflexión sobre a narración oral, a escritura e a lectura leváronme a participar como conferenciante, en varias ocasións, en eventos sobre tales temas en América.
Escribín libros de texto para a escola e textos de ensaio didáctico e pedagóxico.
Fun actor e director de teatro. Traballei durante sete anos en Radio Nacional de España en Galicia como guionista e como director de programas de diverso tipo e formato. Tamén escribín e dirixín obras para vídeo e para televisión. Dei cursos a profesores sobre a utilización didáctica destes medios.
Durante un tempo, fixen diferentes actividades de narración oral en distintos lugares de Galicia e de fóra dela.
Participei na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX), e durante cinco anos formei parte da súa xunta directiva (dous deles como presidente).
Durante tres anos fun columnista semanal na prensa diaria.
Déronme algúns premios polos meus libros; por exemplo, os seguintes:
- Premio Feira do Libro da Coruña (1989), polo conxunto da miña obra narrativa.
- Premio Emilia Pardo Bazán, do Ministerio de Educación.
- Premio Rañolas 1994 á mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia.
- Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1995.
- Honour List IBBY 1996.
- White Ravens 1997, da Jugendbibliothek de Munich.
- Premio Lecturas, da Asociación do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (GÁLIX), 2004.
- White Ravens 2005, da Jugendbibliotethet de Munich.
- Premio Gala do Libro Galego 2018, por A nena do abrigo de astracán.