Paula Carballeira
Naceu en Maniños (Fene), no ano 1972. Animal da especie dos faladores, moi común en zonas de chuvia. Gústalle comer e viaxar. Ademais, adoita escribir o que vive ou imaxina nos diferentes libros que ten publicados, algúns deles traducidos ao inglés, catalán, éuscaro, portugués, italiano, alemán, coreano, chinés… Tamén escribe textos en segredo que, se cadra, nunca serán publicados. Dedícase profesionalmente á narración oral, ao teatro (como autora, actriz ou directora) e mesmo á televisión (como actriz ou guionista ocasional). En 2006, foi a primeira gañadora do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, galardón creado polo IGAEM, pola súa obra Boas noites (Edicións Xerais, 2007). Volve gañalo no 2011 coa obra O refugallo (Edicións Xerais, 2012). A peza Misterios (colección ASSITEJ, 2015) resultou finalista do Premio ASSITEJ (Asociación Internacional de Teatro Infantil e Xuvenil) de Textos Dramáticos. Os libros Paco (Ed. Kalandraka, 2000) e Correo Urxente (Ed. Rodeira - EDEBÉ, 2002) recibiron o Premio Lecturas, promovido por GÁLIX- Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. O seu libro Smara (Ed. Kalandraka, 2006) foi incluído na lista dos White Raven e foi merecedor do Premio Isaac Díaz Pardo. Á obra A burra Ramona (Ed. Baía, 2013) concedéronlle o Premio Frei Martín Sarmiento no ano 2016. Da súa autoría son tamén os libros de poemas Contatrás II-I (Edicións Positivas 2006 - 2012), As outras historias (Ed. Galaxia, 2011) e Nunca mascotas (Ed. Galaxia, 2016).