María Pilar Campo Domínguez, coñecida como Marica Campo, naceu no Val do Mao, no Incio, o 24 de febreiro de 1948. É a quinta filla dos seus pais; son en total oito irmáns. Pasa os primeiros anos no Incio, pero vai á escola a Lugo. Cando ten oito anos, a familia trasládase a Lugo para facilitar os estudos dos fillos. Aos quince anos, ingresa nunha orde relixiosa coa intención de ser misioneira e alí permanece cinco anos. Acode á Universidade Pontificia de Salamanca onde fai estudos de Teoloxía. Obtén o título de mestra e inicia estudos de Filosofía e Letras.

Exerceu como mestra en varias escolas da provincia de Lugo (entre outras, na de Muimenta e Castro de Rei), logo nas Canarias e, despois, na Mariña de Lugo, onde reside varios anos. Posteriormente, desenvolve o seu labor profesional no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, lugar onde se xubila en 2008 e onde continúa a residir.

Publica os seus primeiros relatos, en castelán, na revista de maxisterio Contacto y acción. Comeza a escribir en galego durante a súa estadía no colexio público Castro de Rei. Participa en concursos de poesía, prosa e teatro, e obtén algúns premios. Tamén compón letras para o grupo musical Fuxan os ventos. Foi nomeada Chairega de Honra pola Asociación Cultural Xermolos e pola Fundación Manuel María da Terra Chá en novembro de 2007.

Obras

Poesía

Tras as portas do rostro, Baía Edicións, 1992.

Pedinche luz prestada, Espiral Maior, 2001.

Sextinario: trinta e seis + tres, Sotelo Blanco, 2007.

Narrativa

Confusión e morte de María Balteira, Baía Edicións, 1996.

Memoria para Xoana (novela curta ou relato longo en que unha violista fala coa filla que aínda non naceu para lle contar o pasado familiar e lle anunciar o futuro que soña para ela), Espiral Maior, 2002.

Onde houbo lume, Biblos Clube de Lectura, 2010.

Teatro

O Premexentes non pode cos paxaros rebezos ou Memorias dun Escribano (peza

teatral que é a alegoría dunha ditadura), Cadernos da Escola Dramática Galega, 1984.

Confusión de María Balteira (texto teatral baseado en dous dos relatos de Confusión e morte de María Balteira), 2006.

O Divino Sainete (adaptación teatral da obra homónima de Manuel Curros Enríquez), 2008.

Literatura Infantil e Xuvenil

Crispín do Mao, Crispín do mar; ¡Adeus, pés!; O enigma do menhir; Catro pallasos (narrativa), Xunta de Galicia, 2003.

Abracadabras (poesía), Edicións do Castro, 2006.

Noutra dimensión, Galaxia, 2011.

E Xoel aprendeu a voar (narrativa), Edicións Obradoiro (col. Oqueleo), 2017.

Traducións

As dúas casas de Alicia, de Cristelle Vallat, Baía, 2013.

A Terra acatarrouse, de Roxane Marie Galliez, Baía, 2013.

Obras colectivas

Os escritores lucenses arredor de Ánxel Fole, Concello de Lugo, 1986.

Narradoras, Xerais, 2000.

Poemas e contos da muralla, A Nosa Terra, 2001.

Un futuro para a lingua, Xunta de Galicia, 2002.

Alma de beiramar, Asociación de Escritores en Lingua Galega, 2003.

Homenaxe poética ao trobador Xohan de Requeixo, 2003.

Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina, Fundación Araguaney, 2003.

Narradio. 56 historias no ar, Xerais, 2003.

Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra, Espiral Maior, 2003.

XVIII Festival da Poesía do Condado, S. C. D. Condado, 2004.

Elas 3: antoloxía poética, Unión Comarcal de CCOO de Vigo, 2004.

Xela Arias, quedas en nós, Xerais, 2004.

Escrita contemporánea, Homenaxe a Ánxel Casal, Asociación de Escritores en Lingua Galega, 2005.

Amor en feminino: antoloxía das poetas galegas de Rosalía á Xeración dos 80 (edición de Maximino Cacheiro Varela), Baía, 2006.

Cartafol poético para Alexandre Bóveda, Espiral Maior, 2006.

Polifonías: voces poéticas contra a violencia de xénero, Espiral Maior/Xunta de Galicia, 2006.

Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo, Difusora, 2006.

Educación e Paz III. Literatura galega pola Paz, Xerais, 2008.

Letras novas, Asociación de Escritores en Lingua Galega, 2008.

Actas do Congreso Manuel María. Literatura e Nación, Fundación Manuel María, 2009.

Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade, Difusora, 2009.

Xosé Chao Rego: renacer galego (actas do Simposio-Homenaxe), Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, 2010.

Cociñando ao pé da letra (colaboración con varios autores sobre poesía e cociña), Galaxia, 2011.

Premios Terras de Chamoso (2007-2009), Asociación Cultural Arumes do Corgo, 2011.

Banqueiros, Laiovento, 2012.

150 Cantares para Rosalía de Castro (libro electrónico), 2015.

No tempo de Follas novas. Unha viaxe pola literatura universal, Alvarellos, 2015.

6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos Clube de Lectores, 2015.

Poesía

Verbo na arria. Homenaxe literaria a Xohan Xesus González, Fervenza, 2016.

Premios

Mención de Honor d’O Facho, en 1983, pol’O Premexentes non pode cos paxaros rebezos ou Memorias dun Escribano.

Premio de Poesía Concello de Vilalba, no 1998, por Catro lúas e a da norte.

Premio de Narrativa Concello de Vilalba, no 2001, por Memoria para Xoana.

Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, no 2001, por Pedinche luz prestada.

Premio da III Edición Arume de Poesía para nenos, no 2006, por Abracadabras.

Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Literatura Infantil e Xuvenil, no 2007, por Abracadabras.

Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega de Poesía, no 2008, por Sextinario: trinta e seis + tres.